jueves, 27 de marzo de 2014

A LOMCE EN GALICIA

Máis matemáticas para os nenos
Educación aproveita a implantación da Lomce para reforzar o cálculo en Galicia e non obrigará ao cambio dos libros de texto
ELISA ÁLVAREZ

A Lomce desembarca en Galicia. Faino en catro cursos a partir de setembro. En primeiro, terceiro e quinto de primaria, e en primeiro de formación profesional básica, que substituirá aos chamados PCPI (programas de cualificación profesional inicial). Xa no mes de decembro a Consellería de Educación anunciou cambios en Matemáticas, e esta semana confirmouno o conselleiro, Jesús Vázquez. Haberá un reforzo desta materia.
¿Cantas horas impártense e cantas daranse coa Lomce?
Vázquez afirmou que se reforzará esta materia, pero non canto nin á conta de que. Agora mesmo os alumnos de primaria teñen cinco horas á semana de Matemáticas no primeiro ciclo, e no resto catro. O máis coherente sería reforzar polo tanto nos últimos catro cursos. Os directores tampouco teñen moi claro como se axustarán os horarios, «o desbaraxuste é tal, que sen modificar o número de horas totais vai ser imposible», explica o responsable do colexio López Ferreiro, de Santiago. Desde a Xunta din que se reforzarán as Matemáticas, e que xa se anunciará como e en detrimento de que materia.
¿As materias troncais que porcentaxe supoñen?
As materias troncais coa Lomce son Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Matemáticas e Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural. Agora mesmo estas materias xa supoñen 92 horas semanais nos seis cursos de primaria, é dicir, unhas 18,4 por curso. Xa superan, polo tanto, o 60 % do horario lectivo.
¿Como quedarán os ensinos de Música, Plástica e Educación Física?
A Lomce recolle materias troncais, materias específicas, e de libre configuración autonómica. Esta última correspóndese coa lingua propia, e debe ter un tratamento análogo á lingua castelá. Dentro das materias específicas, hai dúas obrigatorias (Educación Física, e Relixión ou Valores Sociais e Cívicos), e outras a elección da comunidade. Aí situábase o debate da música e a plástica, incluídos en Educación Artística, e que as comunidades podían elixir ou ben optar pola segunda lingua estranxeira. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, afirmou no Parlamento que en Galicia «é fundamental que o alumnado galego manteña a adquisición de coñecementos e competencias en Música e Plástica». É dicir, optarase por esta materia e non pola segunda lingua estranxeira. Os profesores que pertencen a este colectivo mostran ao mesmo tempo precaución e satisfacción «porque coa Lomce estabamos temblando», din desde a Asociación do Profesorado de Música de Galicia. No seu favor xogou o feito de que nos centros xa hai especialistas suficientes para dar estas materias, algo que non ocorrería no caso de optar pola segunda lingua estranxeira.
¿Que materia reducirase?
Se Matemáticas aumenta a súa carga lectiva, algunha ten que reducila. En principio parece que a Xunta fixo unha forte aposta pola lingua estranxeira, polo que sería incoherente recortala. A Educación Física é intocable, porque Vázquez asegurou que tería a mesma carga horaria e ademais acaba de lanzarse un programa para loitar contra a obesidade infantil. Se se reduce Lingua Castelá habería que baixar Lingua Galega, xa que deben ter a mesma consideración, e as críticas aumentarían. Queda Relixión e Valores Cívicos, e Ciencias Sociais e Naturais. A Xunta decidirá.
¿Hai que cambiar todos os libros de texto?
A Plataforma en Defensa do Ensino Público pediu que os cambios de currículos non implicasen un gasto para as familias na adquisición dos novos materiais. Desde o departamento educativo sinalan que non se modificarán os libros e engaden que entenden que «hai marxe para que os novos contidos e as novas metodoloxías poidan ser adaptadas nas aulas».
¿En que prazos aplicarase a nova lei?
O próximo curso chegará á metade de primaria -nos cursos impares- e a un dos cursos da formación profesional básica, que de momento xa ten 21 títulos. Tamén no 2014-2015 farase unha avaliación, unha das novidades da Lomce, en terceiro de primaria. No 2015-2016 completarase a implantación en primaria, e comezará nos cursos impares de secundaria e bacharelato. Este ano haberá xa avaliación ao termo da etapa de primaria. Para o curso 2016-2017 quedarán os cursos pares de ESO e bacharelato e as dúas avaliacións máis determinantes, a de cuarto de secundaria e a de segundo de bacharelato.

miércoles, 19 de marzo de 2014

PRESTACIÓN ECONÓMICA PARA FILL@S MENORES DE 3 ANOS

A Xunta de Galicia acaba de sacar unha axuda para fillos menores de 3 anos. A axuda, de pagamento único, é de 360€. Esta axuda é tramitada gratuitamente polo persoal de Servicios Socias do Concello. En todo caso podedes ollar as bases na páxina web da Xunta de Galicia ou ben na dirección web que vos facilitamos a continuación.
BASES DA PRESTACIÓN  (pincha aquí)